Alternativa dos Veciños de Fisterra lamenta a situación das obras da rede separativa

As obras da rede separativa na Rúa Real e na confluencia da Rúa Alcalde Fernández coa Rúa Náufragos deberían estar executadas e rematadas a finais de 2025, conforme ao programa de execución previsto polo anterior goberno de Alternativa dos Veciños.

Porén, tras a moción de censura, o novo executivo municipal evidenciou outras prioridades e, xa en pleno mes de xullo, a realidade é ben distinta.

A veciñanza e tamén as persoas que nos visitan atopan rúas pechadas, o acceso á estrada do Faro condicionado por un semáforo provisional e unha das principais vías do pobo afectada polo po e pola lama que deixan as rodeiras dos camións ao longo de todo o percorrido.

Ninguén cuestiona a necesidade destas obras. Son imprescindibles para mellorar os servizos públicos e a calidade de vida da cidadanía.

Mais tan importante como executalas é planificalas con rigor, establecer calendarios realistas e minimizar o impacto sobre a vida diaria da veciñanza e sobre a actividade turística, especialmente nunha época tan importante como o verán.

Neste caso, a falta de previsión e de xestión está a provocar molestias que se poderían evitar e proxecta unha imaxe pouco coidada de Fisterra.

Facer as cousas ben significa pensar tamén no cando e no como, non só no que se fai.