
Arteixo. Alternativa Enxebre denunciou a existencia dun grave problema de saúde pública nun vial de acceso aos sotos, garaxes, vivendas e locais situados na parte traseira dos edificios da avenida de Fisterra, entre os números 229 e 237, con acceso desde a rúa Manuel Murguía, onde aseguran que existe unha importante praga de pulgas que está afectando tanto á vía pública como ás persoas que transitan pola zona.
Segundo informou a formación, a denuncia chega tras recibir numerosas comunicacións de veciños e veciñas afectados, así como de usuarios habituais deste vial e doutras persoas que circulan diariamente pola rúa Manuel Murguía e as súas inmediacións. Os afectados alertan da presenza masiva de pulgas, unha situación que, segundo indican, está a provocar molestias e supón un risco para a salubridade pública.
Alternativa Enxebre asegura que, de acordo coa información da que dispón, o Concello de Arteixo xa ten coñecemento desta problemática despois das comunicacións realizadas polos propios afectados e das inspeccións efectuadas por técnicos municipais. Non obstante, sostén que ata o momento non se adoptaron medidas eficaces para eliminar a praga e garantir a seguridade e a salubridade da zona.
Ante esta situación, a formación reclama ao Goberno municipal unha actuación inmediata que inclúa a localización da orixe da praga, a desinfección urxente do vial e das áreas afectadas, así como a adopción das medidas necesarias para erradicar definitivamente o problema.
Así mesmo, Alternativa Enxebre solicita que o Concello informe con transparencia á veciñanza sobre as actuacións realizadas e as medidas preventivas que se vaian adoptar, co obxectivo de ofrecer garantías á cidadanía e evitar que a situación se prolongue.
Desde a formación conclúen que a saúde pública «non pode esperar» e lembran que a veciñanza ten dereito a utilizar os espazos públicos en condicións de seguridade, polo que consideran imprescindible unha resposta rápida e eficaz por parte da administración municipal ante un problema que afecta directamente á calidade de vida dos residentes.