O Concello da Laracha chama á responsabilidade no consumo de auga tras a prealerta por escaseza no río Anllóns

A administración local solicita a colaboración da veciñanza para reducir o consumo e preservar os recursos hídricos despois da activación da situación de prealerta por parte de Augas de Galicia.

O Concello da Laracha fixo un chamamento á colaboración da cidadanía para promover un uso responsable da auga despois de que Augas de Galicia activase a situación de prealerta por escaseza moderada no sistema de explotación do río Anllóns.

A declaración deste escenario responde á evolución dos recursos hídricos e ten como finalidade anticiparse a un posible agravamento da situación, impulsando medidas preventivas que contribúan a preservar a dispoñibilidade de auga e a garantir o mantemento do caudal ecolóxico dos ríos.

Ante este contexto, o Goberno local solicita a implicación da veciñanza na adopción de hábitos de consumo responsables, evitando os usos innecesarios da auga potable e favorecendo un aproveitamento máis eficiente deste recurso.

Entre as principais recomendacións dirixidas á poboación figuran reducir o rego de xardíns e hortas sempre que sexa posible, limitar o lavado de vehículos —agás no caso das empresas dedicadas a esta actividade—, evitar o enchido de piscinas particulares con auga potable e reutilizar a auga para outros usos sempre que as condicións o permitan.

Pola súa banda, o Concello tamén aplicará medidas de aforro no ámbito municipal, minimizando o consumo de auga en servizos non esenciais, como o rego das zonas verdes públicas, co obxectivo de contribuír á conservación dos recursos dispoñibles mentres se manteña a situación de prealerta.

Desde a administración local lembran que a colaboración da cidadanía será clave para facer fronte a este escenario e minimizar o impacto dunha posible diminución das reservas hídricas nas próximas semanas.