
Dúas persoas resultaron feridas na mañá deste venres tras seren atropeladas por un vehículo na cidade da Coruña. Segundo informou o 112 Galicia, a persoa que deu o aviso indicou que o vehículo implicado no accidente era unha ambulancia.
O suceso produciuse pouco despois das 10.00 horas na avenida de San Cristovo, en sentido cara a Alfonso Molina, onde se rexistrou un dobre atropelo.
Ata o lugar desprazáronse efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que xa tiñan coñecemento do incidente e mobilizaran unha dotación asistencial para atender ás persoas feridas. Tamén interviñeron axentes da Policía Local, que se encargaron de regular o tráfico e esclarecer as circunstancias do accidente.
Por outra banda, aproximadamente unha hora despois rexistrouse un novo atropelo no municipio de Sada. O accidente tivo lugar na rúa Alcalde Fernández Pita, onde unha persoa resultou ferida tras ser alcanzada por un vehículo.
Neste segundo caso, o 112 Galicia tamén mobilizou ao equipo sanitario correspondente e informou aos corpos de seguridade da localidade para atender a emerxencia e realizar as actuacións oportunas.
As circunstancias de ambos os atropelos están a ser investigadas.