
Ponteceso. A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou a explotación gandeira de Marcos Antonio Ríal Costa, situada no concello de Ponteceso, para coñecer de primeira man o labor que desenvolve esta gandería especializada na cría de vaca cachena, unha das razas bovinas autóctonas ameazadas de Galicia. Na visita estivo acompañada polo alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, e pola directora territorial da Consellería do Medio Rural, Nieves Mancebo.
Durante o encontro, Belén do Campo destacou o compromiso desta explotación coa conservación do patrimonio xenético e cultural galego, así como coa promoción dun modelo de produción sustentable e respectuoso co medio natural. A representante da Xunta puxo en valor o traballo dos gandeiros que apostan polas razas autóctonas, fundamentais para manter a biodiversidade e dinamizar o rural galego.
A explotación de Marcos Antonio Ríal Costa foi beneficiaria o pasado ano dunha das axudas destinadas á recría de exemplares da raza cachena. Esta liña de apoio permite ás explotacións realizar a substitución dos seus animais con recría propia, favorecendo unha mellor adaptación ao territorio, reducindo os custos de produción e garantindo a continuidade das explotacións gandeiras.
Neste sentido, Belén do Campo lembrou que a nova convocatoria destas axudas permanece aberta ata o vindeiro 8 de agosto, cun orzamento total de 390.000 euros, destinada ás explotacións de bovino, ovino e cabrún de razas autóctonas ameazadas de Galicia. As subvencións poden acadar os 15.000 euros por explotación, reforzando o compromiso da Xunta co sector gandeiro e coa preservación das razas propias de Galicia.
Ademais, a representante autonómica destacou a posta en marcha da primeira edición dos Premios á Excelencia das Razas Bovinas Autóctonas Ameazadas de Galicia, unha iniciativa que pretende recoñecer o esforzo e a dedicación dos gandeiros que contribúen á conservación da biodiversidade, á mellora da calidade dos produtos e ao desenvolvemento sostible do rural galego.
A visita serviu tamén para trasladar o apoio da Xunta ás explotacións que apostan pola innovación, a sustentabilidade e a conservación das razas autóctonas, consideradas unha peza clave para garantir o futuro do sector agrogandeiro e do medio rural en Galicia.