
O BNG de Camariñas levará ao vindeiro pleno municipal unha iniciativa para reclamar o arranxo urxente da estrada de Santa Mariña, debido ao seu estado de deterioro e ao perigo que, segundo a formación nacionalista, supón para as persoas usuarias.
O portavoz municipal do BNG, Xurxo Rodríguez Baña, solicitará ao equipo de goberno que actúe de maneira inmediata nesta vía, ao considerar que presenta deficiencias que requiren unha intervención sen demora para garantir a seguridade da veciñanza.
Desde o BNG sinalan que o Concello debe priorizar o mantemento das infraestruturas existentes antes de destinar recursos a proxectos que consideran prescindibles. «O primeiro é coidar e conservar o que xa temos», defenden, ao tempo que critican o que cualifican como unha «dilapidación de diñeiro público en obras innecesarias».
A formación agarda que o goberno municipal atenda esta demanda e execute o arranxo da estrada coa maior rapidez posible, dando resposta a unha reivindicación que consideran fundamental para a seguridade e o benestar da veciñanza de Santa Mariña.






