
A actuación, cun investimento de máis de 356.000 euros, mellorará a seguridade viaria e facilitará os desprazamentos cara ao centro de saúde, a farmacia, a parada de autobús e o campo de fútbol
A Xunta de Galicia vén de adxudicar as obras para a construción dunha nova senda peonil de 1,5 quilómetros na estrada AC-552, ao seu paso por Nantón, no concello de Cabana de Bergantiños. A actuación supón un investimento de 356.106 euros, conta con financiamento dos fondos europeos FEDER e terá un prazo de execución de seis meses.
Os traballos, que serán executados pola empresa Construcciones Ponciano Nieto S.L., teñen como obxectivo reforzar a seguridade viaria e fomentar unha mobilidade máis sostible nun treito con elevada presenza de servizos e equipamentos de uso diario.
A nova infraestrutura permitirá que a veciñanza poida desprazarse de forma máis segura e cómoda ata o centro de saúde, a farmacia, a parada de autobús ou o campo de fútbol, favorecendo os desprazamentos a pé e reducindo os riscos para os peóns.
Así mesmo, a senda facilitará os movementos das persoas usuarias da Asociación Íntegro, entidade dedicada á atención de persoas con diversidade funcional, mellorando a accesibilidade aos distintos servizos existentes na contorna.
Ademais da execución da senda, o proxecto inclúe actuacións complementarias como a canalización das augas pluviais, a instalación de infraestruturas de telecomunicacións e a renovación da sinalización viaria.
Esta intervención forma parte da segunda fase do Plan de Sendas de Galicia, impulsado pola Xunta, que prevé a execución de preto de 120 quilómetros de novos itinerarios peonís e ciclistas nas marxes das estradas autonómicas. Estes novos percorridos engadiranse aos máis de 300 quilómetros de sendas xa construídos na primeira fase do programa en toda Galicia.