
O concelleiro Manuel S. Lago Álvarez presenta unha moción para recuperar a memoria do veciño de Esteiro, asasinado no campo de concentración nazi de Gusen en 1941
O grupo municipal Muros Centrado levará ao vindeiro Pleno do Concello de Muros unha moción para solicitar a colocación dunha placa conmemorativa en memoria de Eduardo Romaní Abeijón, veciño de Esteiro deportado ao campo de concentración de Gusen e asasinado en 1941 polo réxime nazi.
A iniciativa, presentada polo concelleiro Manuel S. Lago Álvarez, pretende que o Concello renda unha homenaxe pública a quen foi unha das milleiros de persoas españolas que, tras a Guerra Civil, sufriron o exilio, a deportación e, finalmente, a morte nos campos de concentración nazis.
Na exposición de motivos da moción, Muros Centrado lembra que a memoria democrática é «un deber das institucións públicas» e un instrumento fundamental para preservar os valores da liberdade, da dignidade humana e dos dereitos fundamentais. O texto destaca que durante décadas as vítimas da deportación permaneceron no esquecemento, sen o recoñecemento institucional que merecían.
A proposta fai referencia á Lei 20/2022, de Memoria Democrática, que establece a obriga das administracións públicas de honrar e preservar a memoria das vítimas da Guerra Civil, da ditadura franquista e das persoas españolas deportadas aos campos de concentración nazis.
A moción solicita que a placa se instale nun espazo público de Esteiro, preferentemente nun lugar vinculado á vida de Eduardo Romaní Abeijón ou nun punto de especial visibilidade para a veciñanza. Ademais, propón incorporar esta actuación ás políticas municipais de memoria democrática, como expresión do compromiso do Concello coa verdade, a xustiza, a reparación e a dignificación das vítimas do fascismo.
Entre os acordos tamén se inclúe dar traslado da decisión, no caso de ser aprobada, aos familiares da vítima —se puidesen ser localizados— e ás asociacións memorialistas que traballan na recuperación da memoria histórica.
Desde Muros Centrado consideran que este recoñecemento «constitúe un acto de xustiza simbólica e de reparación» para un veciño de Esteiro que padeceu unha das páxinas máis tráxicas da historia europea. A formación defende que preservar a memoria das vítimas do totalitarismo é tamén unha forma de fortalecer os valores democráticos e de transmitir ás novas xeracións un firme compromiso coa defensa da liberdade e dos dereitos humanos.
Coa presentación desta moción, Muros Centrado busca que o Concello de Muros se sume ás numerosas institucións que nos últimos anos impulsaron iniciativas de recuperación da memoria democrática, honrando ás persoas que sufriron a persecución, a deportación e a morte por defender os valores da democracia e da liberdade.
