O pleno de Muxía aproba unha moción do BNG para reforzar a inspección das liñas de alta tensión

Muxía, 19 de xullo de 2026. O pleno da Corporación Municipal de Muxía aprobou na sesión celebrada o pasado 16 de xullo unha moción presentada polo BNG na que se reclama unha inspección urxente das liñas de alta tensión que atravesan o municipio, co obxectivo de garantir o cumprimento das distancias de seguridade e reducir o risco de incendios forestais.

A iniciativa insta ao Goberno local a realizar unha revisión inmediata das instalacións, dando prioridade aos tramos situados preto de núcleos de poboación, vías públicas e masas forestais. A inspección deberá identificar a presenza de matogueira ou vexetación seca, árbores e pólas próximas aos condutores, especies incompatibles coa servidume eléctrica, posibles riscos de caída e incumprimentos das distancias de seguridade, incorporando ademais a correspondente localización e documentación gráfica.

A moción tamén contempla que o Concello remita os resultados da inspección ás empresas titulares ou xestoras das infraestruturas eléctricas, requiríndoas para executar as actuacións necesarias, como a roza e retirada de biomasa, a poda ou corta de árbores perigosas, a eliminación de especies non permitidas e a revisión das franxas de seguridade. Ademais, as compañías deberán comunicar o calendario de execución das actuacións e acreditar posteriormente os traballos realizados.

O texto aprobado solicita igualmente que a situación sexa posta en coñecemento da Consellería do Medio Rural, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, da Dirección Xeral de Defensa do Monte e do distrito forestal correspondente, co fin de que leven a cabo inspeccións, identifiquen as entidades responsables e adopten as medidas administrativas oportunas. En caso de incumprimento ou de risco grave, a moción reclama a adopción de medidas cautelares e, se fose preciso, a execución subsidiaria dos traballos repercutindo o seu custo á entidade obrigada.

Outro dos acordos aprobados propón incorporar ao futuro Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais un programa anual de inspección das liñas eléctricas e das súas franxas de seguridade, de maneira que as posibles deficiencias poidan ser detectadas e corrixidas antes do 31 de maio de cada ano.

Desde o BNG advertiron de que xa rematou o prazo no que deberían estar executados os traballos preventivos e aseguraron que existen distintos puntos do municipio nos que persisten matogueira, vexetación seca e árbores próximas ás instalacións eléctricas. Segundo a formación nacionalista, esta situación incrementa o risco de que unha avaría, un arco eléctrico ou o contacto da vexetación coa rede poida provocar ou favorecer a propagación dun incendio cara aos montes e ás vivendas próximas.

Preguntas e demandas ao Goberno municipal

No apartado de rogos e preguntas, a portavoz do BNG de Muxía, Mercé Barrientos, interesouse polas actuacións previstas para solucionar as pingueiras existentes no polideportivo municipal e mellorar o estado dos vestiarios.

Barrientos tamén preguntou pola eficacia das rozas realizadas mediante tractor mecanizado nas marxes das estradas, trasladando o malestar dunha parte da veciñanza e preguntando se o Goberno local ten previsto modificar o contrato para mellorar os resultados.

Ademais, a portavoz nacionalista reclamou a retirada e substitución da sinalización deteriorada existente nas estradas, núcleos e praias do municipio. Entre as demandas concretas, lembrou a petición dun sinal de prohibido o paso de autobuses en Cebráns para evitar atascos, así como a instalación dun sinal de rúa sen saída no lugar dos Muíños co obxectivo de evitar incidencias coas caravanas que acceden á zona.