
Na reunión celebrada onte no Concello de Ponteceso para presentar o anteproxecto destinado a paliar os efectos das inundacións, a Asociación APIN Ponteceso expresou o seu apoio á proposta xeral presentada polos técnicos, aínda que deixou claro que seguirá defendendo unha serie de actuacións que considera fundamentais cando se presente o proxecto definitivo.
Desde a asociación sinalan que, malia valorar positivamente a liña de actuación exposta, existen cuestións de gran relevancia que non foron incorporadas ao anteproxecto e que xa figuraban nas alegacións presentadas.
Entre as principais demandas destaca a creación dunha zona de embalsamento temporal da auga na estrada de Carballido, á altura da igrexa da Graña, mediante un sistema de comportas que só entrarían en funcionamento durante os episodios de enchenta. Segundo APIN, esta medida permitiría reter parte do importante caudal procedente das zonas de Cores, Nemeño e Brantuas, contribuíndo a reducir o impacto das inundacións no núcleo urbano.
A segunda proposta fai referencia ao traslado da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) a unha nova localización, liberando o espazo que ocupa actualmente para convertelo nunha zona inundable. A asociación considera que esta actuación permitiría minimizar a necesidade de desmantelar o actual campo de fútbol, polo menos ata que remate a súa vida útil.
Ademais, APIN insiste en que a actual depuradora, situada no centro da vila, presenta un evidente estado de obsolescencia e considera prioritario construír unha nova instalación adaptada ás necesidades actuais e nun emprazamento máis axeitado.
Como exemplo da urxencia desta actuación, a asociación denuncia a aparición, na xornada de hoxe, de centos de peixes mortos no río no punto onde desembocan as augas da depuradora, cualificando a situación como unha auténtica «desfeita ecolóxica».
APIN Ponteceso agarda que estas propostas sexan estudadas e incorporadas ao proxecto definitivo, convencida de que permitirían mellorar a protección fronte ás inundacións e, ao mesmo tempo, resolver un problema ambiental que consideran cada vez máis preocupante.
A asociación acompañou esta denuncia con imaxes da mortaldade de peixes rexistrada hoxe no río, reclamando unha resposta inmediata das administracións competentes.