
Os socialistas alertan de licenzas con máis de dous anos de atraso e reclaman un plan de choque para desbloquear os expedientes acumulados
Malpica de Bergantiños, 22 de xullo de 2026. O Grupo Municipal Socialista de Malpica denunciou a situación «límite» que, ao seu xuízo, atravesa o servizo municipal de Urbanismo, onde aseguran que existen expedientes de licenzas que levan máis de dous anos pendentes de resolución. O PSOE considera que esta demora está a provocar importantes prexuízos económicos para a veciñanza e responsabiliza ao goberno local do PP da falta de planificación e medios.
Os socialistas lembran que durante anos a tramitación das licenzas urbanísticas estivo externalizada nunha empresa privada debido, segundo sosteñen, á incapacidade do executivo municipal para dotar o Concello dos recursos humanos e técnicos necesarios. Agora, unha vez incorporado un arquitecto municipal, preguntan se esta medida será suficiente para mellorar o funcionamento do servizo e que outras actuacións prevé impulsar o goberno local para acabar coa acumulación de expedientes.
Desde o PSOE advirten de que as consecuencias das demoras recaen directamente sobre as familias, autónomos e empresas que agardan por unha licenza para iniciar unha obra ou desenvolver un proxecto. Segundo explican, o incremento do custo dos materiais e da man de obra nos últimos anos provocou que moitos proxectos teñan que afrontarse cun sobrecusto que sitúan entre o 30 % e o 40 % respecto aos orzamentos iniciais.
«A nefasta xestión urbanística do PP tradúcese en máis gastos para as familias, máis atrasos e máis incerteza. Mentres o Concello deixa pasar os meses sen resolver os expedientes, son os cidadáns os que teñen que asumir o incremento do custo das súas vivendas, reformas ou proxectos empresariais», sinalan desde o Grupo Municipal Socialista.
Ante esta situación, o PSOE reclama ao goberno municipal a posta en marcha dun plan de choque que permita reducir a bolsa de expedientes pendentes mediante recursos suficientes, prazos definidos e obxectivos concretos, co fin de resolver as licenzas nun tempo razoable.
Os socialistas consideran que cubrir a praza de arquitecto municipal é un paso positivo, pero insisten en que o importante é que esa incorporación se traduza nunha mellora real do servizo. «Non abonda con cubrir unha praza. O que importa é que o servizo funcione e que se produzan resultados. A día de hoxe, a acumulación de expedientes e os atrasos de máis de dous anos evidencian o fracaso da política urbanística do goberno municipal do PP», afirman.
O Grupo Municipal Socialista conclúe que a veciñanza de Malpica merece unha administración áxil que facilite os seus proxectos e dea resposta ás súas necesidades, evitando que os atrasos administrativos se convertan nun custo engadido para as economías familiares e para a actividade económica do municipio.