O BNG de Bergantiños recoñece catro negocios da comarca polo seu compromiso coa lingua galega

Os Premios BNG (Bergantiños Negocios en Galego) distinguiron a Fíos de Cores, Libraría Risón, María Moda e Lenda pola súa contribución á normalización do galego no ámbito comercial.

Bergantiños, 24 de xullo de 2026. O BNG de Bergantiños celebrou este xoves 23 de xullo, en Ponteceso, a entrega dos Premios BNG (Bergantiños Negocios en Galego), unha iniciativa que recoñece o compromiso do tecido comercial da comarca coa normalización da lingua galega no ámbito económico.

Os galardóns distinguen aquelas empresas que incorporan o galego con naturalidade na súa actividade diaria, demostrando que a lingua propia do país é tamén unha ferramenta de comunicación, innovación, calidade e proximidade coa clientela. A iniciativa dá continuidade aos antigos Premios Patria e Lingua, renovando o seu formato para seguir poñendo en valor o uso do galego no comercio local.

Nesta edición, os establecementos premiados foron Fíos de Cores, de Ponteceso; Libraría Risón, de Laxe; María Moda, da Laracha; e Lenda, de Carballo. As persoas representantes de cada negocio recibiron un agasallo entregado polos portavoces municipais do BNG das respectivas localidades.

Durante o acto, o BNG destacou que estes establecementos «fan do galego unha parte esencial da súa maneira de traballar, de atender á clientela e de crear relacións de confianza». A formación nacionalista subliñou tamén que o obxectivo destes premios é recoñecer empresas que, ademais de xerar riqueza e dinamizar a economía da comarca, contribúen a fortalecer a presenza social da lingua galega e a demostrar o seu valor como elemento diferenciador no ámbito empresarial.

A entrega dos premios desenvolveuse na Eira Bar de Ponteceso e contou coas intervencións de Fátima Rodríguez, portavoz do BNG de Ponteceso; Daniel Pérez, alcalde de Carballo; e Olalla Rodil, deputada do BNG no Parlamento galego.

O acto enmarcouse na programación da Semana da Patria Galega, arredor da celebración do 25 de xullo, e reuniu representantes do BNG dos sete concellos da comarca. Entre as persoas asistentes estiveron tamén o responsable comarcal do BNG, Xosé Manuel Pose; o deputado por Bergantiños no Parlamento galego, Óscar Insua; e o responsable comarcal de Lingua do BNG Bergantiños, Xosé Cotelo, ademais de militancia e simpatizantes da organización.

Con esta iniciativa, o BNG de Bergantiños reafirma o seu compromiso coa promoción do galego en todos os ámbitos da sociedade, recoñecendo o papel fundamental que desempeñan o comercio de proximidade e as pequenas empresas na normalización e no prestixio da lingua.