
Un vehículo resultou completamente calcinado na madrugada de onte tras declararse un incendio cando estaba estacionado no Milladoiro, no concello de Ames. O suceso produciuse arredor das 4:20 horas, provocando tamén danos en varios vehículos que se atopaban aparcados nas inmediacións debido á intensidade das lapas.
Ata o lugar desprazáronse efectivos do GES de Brión, que se encargaron das tarefas de extinción do incendio, así como axentes da Policía Local de Ames, da Garda Civil do Posto do Milladoiro, da Garda Civil de Tráfico de Santiago e persoal de Mantemento de Estradas, que colaboraron na regulación do tráfico e na limpeza e aseguramento da zona.
O vehículo afectado quedou totalmente destruído polo lume, mentres que varios coches estacionados nas proximidades sufriron danos de diversa consideración a consecuencia da calor e das lapas.
As circunstancias nas que se iniciou o incendio están a ser investigadas para determinar a súa orixe. Non se rexistraron danos persoais.



