O PSOE de Arteixo denuncia a desaparición do tradicional campionato de chave das festas sen explicacións do Goberno local

O PSOE de Arteixo denunciou a decisión do Goberno municipal do PP de deixar de organizar este ano o tradicional Campionato de Chave das Festas de Santiago Apóstolo no núcleo de Arteixo, unha cita que viña celebrándose de maneira habitual e que forma parte das tradicións festivas da localidade.

Segundo explican os socialistas, o Concello non ofreceu ningunha explicación aos equipos participantes sobre a suspensión da competición. Ante esta situación, os equipos de Pastoriza e Suevos decidiron organizar pola súa conta un encontro para manter viva unha tradición moi arraigada entre os afeccionados a este deporte.

Desde o grupo municipal socialista consideran que resulta «incomprensible» que se deixe desaparecer unha actividade consolidada nas festas sen informar previamente aos participantes nin á veciñanza.

Por este motivo, o PSOE levará esta cuestión ao pleno municipal deste mes, onde preguntará ao Goberno do PP polos motivos que levaron á supresión do campionato e reclamará que a organización desta competición tradicional se recupere de cara ás festas do próximo ano.