

As familias de Vilarodís, en Arteixo, denuncian a falta de mantemento e de servizos nun dos poucos espazos de lecer infantil da zona
As familias do barrio de Vilarodís, en Arteixo, amosan o seu malestar polo estado no que se atopa o parque infantil de Vilarodís, un espazo frecuentado diariamente por numerosos nenos e nenas e polas súas familias.
Segundo denuncian os veciños e veciñas, o barrio conta cun único parque infantil, unha instalación que consideran insuficiente para atender o número de familias que cada tarde se achegan ata o lugar. A falta de espazo súmase, segundo as queixas, á ausencia practicamente total de zonas de sombra, o que dificulta o seu uso durante os meses de maior calor.
Agora, o malestar aumentou ante a retirada da fonte de auga e dos columpios, elementos que formaban parte dos servizos e equipamentos utilizados habitualmente polos máis pequenos.
As familias consideran que, lonxe de mellorar as instalacións, estas actuacións están a reducir os recursos dispoñibles nun parque que xa consideran pequeno e insuficiente para as necesidades do barrio.
«Temos un único parque no barrio e xa se nos queda pequeno para todos os peques e familias que pasamos as tardes alí. Ademais, non dispoñemos de sombra por ningún lado e agora quítannos a fonte de auga e os columpios», lamentan os veciños.
As familias reclaman que se acometa unha mellora integral do parque infantil, con máis xogos, zonas de sombra, fontes de auga e equipamentos adecuados para garantir un espazo seguro, cómodo e accesible para os nenos e nenas.
Os veciños consideran que Vilarodís precisa dun espazo infantil acorde co crecemento e coas necesidades das familias do barrio e cualifican de «vergoñenta» a situación actual.