O BNG leva ao Parlamento galego as demandas da ANPA do CEIP de Caión

A portavoz municipal dos nacionalistas, Carolina Castiñeiras, e o concelleiro Xosé Cotelo, reuníronse, xunto o deputado Oscar Insua, con directivos da asociación de pais e nais para coñecer de primeira man os problemas do centro educativo

A Laracha, 31 de xullo de 2026. O BNG da Laracha anunciou que leva ao Parlamento galego, da man do deputado Oscar Insua, as demandas da ANPA Balea do CEIP de Caión, que veñan de manifestar o seu descontento coa programación da Consellería de Educación respecto das aulas previstas, ademais dos ratios para o vindeiro curso escolar, que superan o establecido.

A portavoz municipal dos nacionalistas, Carolina Castiñeiras, e o concelleiro Xosé Cotelo, reuníronse en Caión este xoves 30 de xullo, xunto a Oscar Insua, co presidente e secretario da asociación de pais e nais, Francisco Rey e Arcadio Mallo, para coñecer de primeira man os problemas do centro educativo. 

Os representantes da ANPA Balea sinalaron aos nacionalistas que, tal e como comunicou a Dirección do CEIP de Caión, desde a Consellería de Educación non teñen previsto respectar os ratios de alumnado por aula. Segundo a normativa vixente, os ratios para este novo curso non deben superar as 14 crianzas en 1º-2º e 3º-4º de Primaria, mentres que en 5º-6º o límite é de 18. 

E en Infantil, cando unha aula agrupe todos os cursos desta etapa, incluído alumnado de 4º, o ratio máximo será de 12 crianzas. Pola contra, a consellería programou 14 para o curso escolar que comezará en setembro.

Ademais, desde a asociación de pais e nais indicaron que a Xunta propuxo que se xunte 2º e 3º de Primaria, aínda superando o límite das 14 crianzas por aula. E subliñaron que as autoridades educativas acóllense a que a normativa non marca límites para agrupamentos de cursos de distinto ciclo. Tanto desde a Dirección do Centro como dende a Directiva da ANPA consideran que esta interpretación carece de toda coherencia.

Os representantes do BNG tamén foron coñecedores na súa visita a Caión das diferentes deficiencias que presenta o centro educativo, que necesita de reformas para mellorar a seguridade do alumnado.

A voceira do BNG da Laracha, Carolina Castiñeiras, manifestou que “os nenos e nenas de Caión teñen o mesmo dereito que o resto a unha educación de calidade, e desde o BNG imos velar porque así sexa”. A portavoz nacionalista incidiu en que “seguiremos con atención este tema, reclamando á Xunta a que cumpra coa ensinanza das nosas crianzas, e mobilizarémonos o que faga falta da man das familias”.