O Concello de Ponteceso continúa mellorando os espazos públicos e os servizos no municipio

O Concello de Ponteceso segue dando pasos para mellorar os servizos, a accesibilidade e os espazos públicos do municipio mediante distintas actuacións que buscan dar resposta ás necesidades da veciñanza tanto no núcleo urbano como no rural.

Unha das actuacións máis destacadas é a adquisición de varias parcelas no núcleo de Ponteceso, que pasan a ser de titularidade municipal e que permitirán planificar a creación de novos espazos ao servizo da cidadanía. Estes terreos estarán destinados á creación dun estacionamento, zonas verdes e espazos de lecer, contribuíndo así á recuperación e posta en valor deste ámbito.

Desde o Concello queren agradecer expresamente a colaboración e disposición das familias Couto-Torrado, Torrado-Rellán e Valdés, cuxa implicación foi fundamental para facer posible a adquisición destes terreos e avanzar nunha actuación que permitirá seguir mellorando o entorno urbano de Ponteceso.

Ao mesmo tempo, esta semana finalizaron tamén diversas pequenas obras de mellora no rural, actuacións que, aínda que de menor dimensión, teñen un impacto directo no día a día da veciñanza.

En Corme Aldea, leváronse a cabo traballos destinados a facilitar o acceso a dúas vivendas, mellorando as condicións de accesibilidade e comodidade para as persoas residentes.

Pola súa banda, na parroquia de Tallo, procedeuse á reparación da recollida de augas en Vilasuso, xunto á marquesiña do autobús escolar, co obxectivo de mellorar o funcionamento deste servizo e garantir unhas condicións máis axeitadas na zona.

Desde o Concello de Ponteceso destacan que estas actuacións forman parte do compromiso municipal de atender as necesidades dos diferentes lugares e parroquias, combinando proxectos de maior alcance con intervencións concretas que permiten solucionar problemas e mellorar a calidade de vida da veciñanza.

O Goberno municipal sinala que continuará traballando na mellora das infraestruturas, dos servizos e dos espazos públicos, cunha especial atención ao rural e ás necesidades trasladadas pola cidadanía.

Máis aparcadoiros, mellores accesos, espazos públicos renovados e actuacións no rural para seguir construíndo un Ponteceso máis cómodo e habitable para todos e todas.