
A portavoz popular, Paula Mouzo Mas, reclamou actuacións en distintas parroquias e criticou a “falta de resposta e iniciativa” do goberno local
O Partido Popular de Camariñas trasladou varias demandas e propostas ao pleno ordinario do mes de xullo, celebrado este venres. A portavoz popular, Paula Mouzo Mas, aproveitou a sesión para reclamar distintas actuacións relacionadas co estado das vías, os servizos públicos, o transporte escolar e o mantemento de espazos municipais.
Entre as peticións formuladas, Mouzo volveu reclamar o arranxo da estrada da Lagoa, que comunica Arou e Camelle, ao considerar que se trata dunha “demanda histórica” e que o seu estado actual é “lamentable”. A portavoz popular tamén reiterou a necesidade de mellorar a vía de acceso ao campo de fútbol da Grixa, na Ponte do Porto, unha actuación que o PP xa trasladara con anterioridade.
Outra das demandas centrouse na renovación integral dunha rúa na Estivadiña, en Santa Mariña, unha intervención que, segundo explicou Mouzo, permitiría mellorar a seguridade e evitar os gastos reiterados derivados das reparacións puntuais.
O PP tamén insistiu na súa proposta para que o Concello adquira baños portátiles que poidan ser utilizados nas distintas parroquias durante festas e eventos nos que sexan necesarios.
Transporte escolar
Durante o pleno, Paula Mouzo emprazou novamente á alcaldesa a valorar a proposta formulada pola Xunta para buscar unha solución ao problema de transporte dos estudantes de Camelle, Arou, Santa Mariña e Brañas Verdes. A portavoz popular criticou a falta de resposta por parte do goberno local e acusou o PSOE de “falta de iniciativa” neste asunto.
A representante do PP interesouse tamén pola situación de varios postes na zona da Milleira, así como polos fallos no subministro eléctrico rexistrados en Riás, Pión, Tilleiro e Mourín.
Entre as cuestións abordadas figuraron igualmente a falta de renovación dun tramo do paseo marítimo de Camariñas, competencia municipal segundo o PP, as medidas previstas para mellorar a calidade da auga da praia de Camelle e a futura ordenanza comarcal sobre autocaravanas.
A formación popular solicitou ademais información sobre o custo das medallas dos fillos predilectos e adoptivos de Camariñas e trasladou os problemas puntuais de acceso a unha rampa destinada á baixada de embarcacións ao río na Ponte do Porto.
Críticas ao goberno local
Nun balance da sesión, o PP criticou a actuación do goberno municipal, ao considerar que o pleno transcorreu sen que o executivo presentase “asuntos relevantes” e denunciou que continúa na súa “inercia preocupante”.
No apartado de votacións, os populares votaron a favor da aprobación dos festivos locais e optaron pola abstención no Plan Estratéxico de Subvencións 2026.