
O portavoz municipal do BNG en Camariñas, Xurxo Rodríguez Baña, trasladou este venres 31 de xullo, durante a sesión plenaria, varios rogos ao equipo de goberno centrados principalmente na mellora dos servizos públicos, das estradas e dos espazos de uso veciñal.
Entre as peticións formuladas, o BNG reclamou ao Concello que ceda á Xunta o espazo do parque infantil de Camelle para que a Administración autonómica poida habilitar unha zona cuberta que permita ás crianzas utilizar este equipamento durante todo o ano, independentemente das condicións meteorolóxicas.
Rodríguez Baña tamén solicitou unha mellora do servizo de limpeza viaria, especialmente nas xornadas posteriores á celebración das festas, cando, segundo sinala a formación nacionalista, se fai máis necesaria unha actuación reforzada.
Un dos principais rogos estivo relacionado coa estrada provincial DP-1601, que une Ponte do Porto e Camelle. O BNG pediu ao Concello que inste á Deputación da Coruña a rematar as obras de mellora antes da chegada do inverno, incorporando os elementos de seguridade necesarios para garantir unhas condicións adecuadas de circulación.
Neste sentido, o portavoz municipal tamén reclamou á Deputación que arranxe a estrada principal de Camelle, que presenta, segundo o BNG, numerosas deficiencias, entre elas baldosas en mal estado que poden supoñer un risco para a seguridade das persoas usuarias.
Outra das peticións foi o arranxo urxente da vía de acceso ao Cemiterio dos Ingleses, debido ao estado no que se atopa actualmente.
No ámbito normativo, o BNG pediu ao equipo de goberno que avance na elaboración das ordenanzas municipais de autocaravanas e de vaos, así como que se proceda a regular a presenza de cans nas praias do municipio.
O BNG considera que estas actuacións deben abordarse para mellorar tanto a seguridade como a calidade dos servizos e dos espazos públicos de Camariñas. A formación acompaña os seus rogos con imaxes do estado da DP-1601, para reclamar que as obras de mellora desta vía provincial sexan rematadas canto antes e, en todo caso, antes da chegada do inverno.



