O BNG cuestiona a cronoloxía do PXOM e do proxecto da macroplanta de biogás na Laracha

A formación nacionalista reclama aclarar se existía realmente intención de revisar o PXOM a finais de 2021 e pide coñecer a data da visita do alcalde e do tenente alcalde a outras plantas de biogás

Dous documentos que, segundo o BNG, permiten entender mellor a cronoloxía arredor do proxecto da macroplanta de biogás na Laracha volven poñer o foco sobre as actuacións do goberno municipal.

A finais de novembro de 2021, o BNG rexistraba unha iniciativa no pleno municipal na que formulaba a posibilidade de revisar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Na acta dese pleno figura tamén a resposta ofrecida polo alcalde.

Agora, á vista da secuencia dos feitos relacionada co proxecto da macroplanta de biogás, o BNG pregunta se foi unha simple casualidade que esa proposta de revisión do PXOM se producise apenas dous meses antes de que avanzase o proxecto ou se, pola contra, existía algunha intención real de revisar o planeamento municipal.

Foi casualidade ou non había intención de revisar nada apenas dous meses antes?”, cuestionan desde a formación nacionalista.

Outro dos aspectos que o BNG considera necesario aclarar é a visita realizada polo alcalde e o tenente alcalde a outras plantas de biogás situadas noutras partes do Estado. A formación asegura que, a día de hoxe, continúa sen coñecerse a data exacta na que se produciu esa visita.

Para o BNG, coñecer esa data é relevante, xa que permitiría establecer desde cando os responsables municipais coñecían directamente o tipo de instalación industrial que se pretendía desenvolver. “É importante sabelo porque desde ese momento non poden negar que sabían de que tipo de industria se trataba”, sinalan.

Neste contexto, o BNG anuncia que mañá estará apoiando a Plataforma Stop Biogás A Laracha durante a entrega das sinaturas recollidas contra o proxecto.

A formación tamén asegura que permanecerá á espera da convocatoria do pleno extraordinario anunciado polo goberno municipal, confiando en que se celebre proximamente e permita abordar a situación e ofrecer respostas ás cuestións que continúan abertas.

A cronoloxía dos acontecementos, a eventual revisión do PXOM e o coñecemento previo que os responsables municipais puideran ter sobre as características da instalación son, segundo o BNG, cuestións que deben ser aclaradas publicamente.