
Os socialistas censuran ao Goberno local por afirmar no Pleno que “os clubs non se puxeron en contacto” co Concello, tras máis de 30 anos de celebración da proba
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo mostrou a súa “estupefacción” ante as explicacións ofrecidas polo Goberno local do Partido Popular no último Pleno ordinario para xustificar a cancelación do Torneo de Chave Santiago Apóstolo.
O PSOE cualificou de “escusa impresentable” as declaracións da concelleira de Deportes, Inés Ramos, quen asegurou durante a sesión plenaria que a proba non se celebrou porque “os clubs non se puxeron en contacto co Concello”.
Para os socialistas, estas explicacións evidencian un intento do Executivo de Carlos Calvelo de “eludir a súa responsabilidade” e trasladar ás entidades deportivas tradicionais do municipio tanto o traballo de organización como a responsabilidade pola suspensión do torneo.
O voceiro socialista, Martín Seco, lembrou que o Campionato de Chave do Apóstolo conta con máis de 30 edicións de historia e que tradicionalmente foi organizado e financiado directamente polo Concello de Arteixo dentro da programación das festas patronais.
“Pretender que agora sexan os veciños e os clubs de chave quen teñan que ir á Casa do Concello a pedir por favor que se organice unha proba que leva trinta anos no programa oficial é a proba evidente da parálise, a desidia e a falta de xestión do PP”, criticou a formación socialista.
O PSOE cuestiona a versión municipal
O grupo socialista tamén puxo o foco no que considera unha contradición no argumento ofrecido polo Concello. Segundo o PSOE, se a cancelación fose consecuencia exclusivamente da falta de contacto por parte dos clubs, non se explicaría a eliminación doutras actividades deportivas da programación das festas patronais deste ano, unha decisión que os socialistas atribúen directamente ao Goberno local.
“A resposta da concelleira no Pleno é unha falta de respecto á intelixencia da veciñanza. Despois de máis de tres décadas organizando o torneo dende o Concello, a escusa para tapar a súa falla de traballo é dicir que os clubs non chamaron á porta?”, cuestionou Martín Seco.
O voceiro socialista defendeu que a responsabilidade dunha Concellaría de Deportes debe ser impulsar e coordinar a actividade deportiva municipal, así como manter o contacto coas entidades e clubs locais.
“O traballo dunha concellaría de Deportes é dinamizar, chamar aos clubs e coordinar os torneos, non sentarse a esperar mentres se cargan as nosas tradicións”, afirmou.
Seco tamén destacou o papel dos clubs de chave de Suevos e Pastoriza, que, ante a ausencia do torneo oficial, decidiron organizar pola súa conta un partido durante estas festas.
“É lamentable que os clubs de Suevos e Pastoriza teñan que darlle unha lección de dignidade á concelleira organizando un partido pola súa conta”, sentenciou.
Esixen recuperar o torneo en 2027
Ante o que considera unha “falta de argumentos” por parte do Goberno municipal durante o Pleno, o Grupo Municipal Socialista reclamou un compromiso para recuperar o Torneo de Chave Santiago Apóstolo no ano 2027.
O PSOE esixe que o Concello volva asumir a organización, financiamento e promoción da proba, garantindo o apoio institucional a unha actividade que, segundo a formación, forma parte da tradición deportiva e festiva de Arteixo desde hai máis de tres décadas.
Os socialistas consideran que a recuperación do torneo debe servir tamén para asegurar a continuidade das actividades deportivas tradicionais dentro da programación das festas patronais do municipio.