
Fotografía de Ana Ruiz
O concelleiro do PSOE de Malpica de Bergantiños, Sergio García Villar, cuestionou a xestión do goberno municipal ante a situación das festas do Mar e asegurou que o problema vai máis alá de que a vila quede ou non sen verbena.
García Villar respondeu así ao comunicado difundido polo PP, no que se facía referencia á existencia de cidadáns de primeira e de segunda. O edil socialista sinalou que sobre esta cuestión “poderiamos ter un coloquio moi extenso”, pero centrou as súas críticas na perda de actividade e de recursos que, ao seu xuízo, está sufrindo o Concello.
“Esto non só se trata de que Malpica quede sen verbena nas festas do Mar, trátase de que cada vez o Concello de Malpica está perdendo e con iso perdemos todos”, afirmou.
Entre os exemplos que puxo enriba da mesa, García Villar mencionou a perda dunha subvención de 100.000 euros vinculada á Mostra da Olería, que atribúe á “falta de diálogo” coa Asociación Oleira. Tamén criticou o peche do Mercado Municipal, que considera consecuencia da falta de dinamización e de deixalo “caer abaixo”.
O concelleiro socialista referiuse igualmente á situación do Nordestazo Rock e da festa do Corpus, que inclúe entre os acontecementos e actividades que, segundo denuncia, se foron perdendo no municipio.
Críticas á planificación das festas
Un dos principais reproches de García Villar dirixiuse á planificación das celebracións. O edil considera que o goberno municipal non debería agardar ata as semanas previas ás festas para coñecer se existe ou non comisión organizadora.
“O que está claro é que o goberno municipal non pode esperar a un mes para saber se hai comisión de festas ou non”, afirmou.
A crítica, segundo explicou, non se limita á vila de Malpica, senón que se estende ás distintas parroquias do municipio. Como exemplo, citou o caso de Leiloio, onde, segundo sinalou, “puxeron os arcos das festas e non houbo verbena”, sen que se chegase a contratar tampouco “nin un dúo”.
Neste sentido, García Villar cuestionou que se vaia actuar de maneira diferente en Malpica: “Como van poñer en Malpica?”.
Finalmente, o concelleiro do PSOE quixo poñer en valor o traballo das comisións de festas e agradeceu publicamente o seu labor: “E dende aquí agradezo a todas as comisións que fan as festas neste concello”.