Alternativa Enxebre denuncia o estado de abandono da contorna da área infantil de Santaia, en Chamín

A formación reclama ao Concello de Arteixo unha limpeza inmediata da esplanada e a reparación dos ancoraxes dos colectores

A formación Alternativa Enxebre denunciou o estado no que se atopa actualmente a esplanada situada na contorna da área infantil de Santaia, en Chamín, e cualificou a situación de «absolutamente lamentable».

Segundo denuncia a formación, a zona destinada ao aparcamento e os espazos próximos á área infantil presentan unha importante acumulación de residuos, entre os que se atopan restos de madeira, plásticos, entullos e outro tipo de lixo. Alternativa Enxebre sinala tamén a presenza de elementos cortantes e potencialmente perigosos espallados polo chan.

A formación considera especialmente preocupante a situación ao tratarse dun espazo frecuentado habitualmente por familias e menores. Ao seu xuízo, ademais de ofrecer unha imaxe de abandono, as condicións actuais da esplanada poden supoñer un risco para a seguridade das persoas que utilizan a zona.

Outro dos aspectos sinalados pola formación é o estado dos colectores de lixo. Segundo Alternativa Enxebre, os seus sistemas de ancoraxe están rotos, polo que os colectores se atopan soltos, aumentando o risco nunha contorna destinada ao uso infantil.

Ante esta situación, Alternativa Enxebre reclama ao Concello de Arteixo que adopte medidas «de inmediato» e proceda á limpeza integral da esplanada, á retirada dos residuos e elementos perigosos e á reparación ou substitución dos ancoraxes dos colectores.

A formación tamén demanda que se estableza un mantemento periódico da zona para evitar que se volvan producir situacións similares.

Alternativa Enxebre defende que a seguridade, a salubridade e o mantemento dos espazos públicos deben constituír unha prioridade municipal e reclama que os veciños e veciñas de Chamín dispoñan dunha contorna infantil limpa, segura e en condicións axeitadas.