Presentada a XVI Travesía Costa Sisargas Malpica 2026, unha das probas máis míticas de Galicia

Malpica acolleu a presentación da XVI Travesía Costa Sisargas Malpica 2026, unha das travesías a nado máis emblemáticas de Galicia, que volverá reunir deportistas e afeccionados nun escenario único da Costa da Morte.

Durante o acto púxose en valor o carácter especial dunha proba que, edición tras edición, continúa consolidándose como unha cita imprescindible para os amantes da natación en augas abertas e do mar.

Desde a organización queren agradecer especialmente o apoio e a colaboración do Concello de Malpica, Protección Civil de Malpica, a Confraría de Pescadores de Malpica, Cruz Vermella do Mar, a Asociación de Redeiras Fieital e aos patróns das embarcacións Pasa Aquí e Novo Castelao, por acompañar a organización e contribuír, unha edición máis, ao desenvolvemento desta mítica travesía.

A implicación de todas estas entidades e colectivos resulta fundamental para garantir a seguridade dos participantes e para facer posible unha nova edición dunha proba estreitamente ligada ao mar e á tradición mariñeira de Malpica.

A XVI Travesía Costa Sisargas Malpica 2026 prepárase así para volver ofrecer unha xornada de deporte, natureza e mar nun dos enclaves máis espectaculares da costa galega.

Últimas prazas dispoñibles

As persoas que aínda queiran participar están a tempo de facelo. As últimas prazas estarán dispoñibles ata mañá, venres, a través da web oficial:

www.travesiacosta.com

Unha última oportunidade para formar parte dunha das travesías máis míticas de Galicia e vivir desde o mar a espectacular contorna das Sisargas.