
O alcalde anunciou no Pleno a incorporación dun auxiliar durante mes e medio, mentres que agora asegura que se solicitou por dous meses e que aínda non saben cando chegará
Laxe, 11 de agosto de 2026. — O BNG de Laxe critica a falta de planificación do Goberno municipal ante a situación do servizo da Policía Local durante o verán e denuncia unha nova mostra de “improvisación” na xestión dos recursos municipais.
No Pleno celebrado o pasado 30 de xullo, o alcalde de Laxe asegurou que se incorporaría un auxiliar da Policía Local durante mes e medio co obxectivo de reforzar o servizo durante a tempada estival.
Porén, segundo as declaracións realizadas posteriormente polo propio alcalde aos medios de comunicación, o Concello tería solicitado finalmente un auxiliar por dous meses, recoñecendo ademais que “aínda non se nos comunicou cando vai vir ou se vai vir”.
Para o BNG, esta situación evidencia unha evidente falta de previsión e planificación. “Primeiro falamos de mes e medio e agora de dous meses. Pero o máis preocupante é que, a estas alturas, nin sequera saben se o reforzo vai vir ou cando”, sinalan desde a formación nacionalista.
O BNG considera especialmente grave esta situación tendo en conta que o reforzo da Policía Local é necesario precisamente nos meses de xullo e agosto, cando Laxe experimenta un importante incremento da poboación e, con el, aumentan tamén as necesidades de seguridade, tráfico, atención cidadá e prestación de servizos.
“Estamos xa a 11 de agosto e seguimos sen saber se o auxiliar vai incorporarse e, no caso de facelo, cando será. O verán non colle por sorpresa a ninguén: é perfectamente previsible que Laxe multiplique a súa poboación durante estes meses”, apunta o BNG.
A formación nacionalista cuestiona así a capacidade de planificación do Goberno local e reclama que se adopten con antelación as medidas necesarias para garantir un servizo policial suficiente durante os períodos de maior afluencia.
“Non se pode anunciar no Pleno unha incorporación de persoal e, días despois, recoñecer publicamente que nin sequera se sabe se esa persoa vai vir. Isto é xestión?”, pregunta o BNG de Laxe.
Desde o BNG esixen ao Goberno municipal que explique que solicitude realizou, en que datas, por que período e cal é a situación actual da incorporación do auxiliar, así como que medidas pensa adoptar para garantir a cobertura das necesidades de seguridade durante o resto do verán.