A Plataforma Stop Biogás da Laracha reivindica a protección integral do río Anllóns

A Laracha. A Plataforma Stop Biogás da Laracha celebrou a IV Cadea Humana no río Anllóns, na área recreativa de Gabenlle, para reivindicar a protección de todo o curso fluvial e alertar sobre os posibles impactos ambientais asociados á macroplanta de biogás proxectada na zona.

Baixo o lema “Salvar a orixe é a única forma de salvar o destino da auga”, a plataforma puxo o foco na importancia de preservar o nacemento do Anllóns, lembrando que cada regato, cada braña e cada pinga de auga forman parte dun ecosistema esencial para garantir a saúde de todo o río.

Durante o acto, as persoas participantes reivindicaron a importancia da auga como recurso imprescindible para a vida: para beber, cociñar, ducharse, regar as hortas e dar de beber aos animais. Neste sentido, reclamaron que se evite calquera posible contaminación derivada de residuos ou vertidos vinculados á instalación.

A plataforma denuncia a existencia dun posible vertido de 160.000 litros, que, segundo sinala, podería chegar ao río con substancias como metais pesados, antibióticos, fosfatos e nitratos. Estes datos forman parte das alegacións e preocupacións expresadas polo colectivo, que reclama garantías ambientais e a máxima protección do ecosistema fluvial.

Os participantes tamén chamaron a atención sobre a situación actual do río no punto de vertido situado en Soandres, sinalando a ausencia de caudal nese tramo e advertindo da importancia de preservar os recursos hídricos, especialmente nun contexto de maior presión sobre a auga.

“O noso río e o noso futuro deféndense”, reivindica a plataforma, que anima á veciñanza a manter a mobilización e a participación cidadá.

A Plataforma Stop Biogás da Laracha anunciou ademais que continuará reuníndose cada día 13 de cada mes, nunha convocatoria que pretende servir para manter informada á cidadanía, fortalecer a reivindicación e crear comunidade arredor da defensa do río Anllóns.

“Xunt@s cada 13: poñémonos ao día, vémonos, reforzamos a loita e creamos comunidade. Unidos venceremos”, conclúe o colectivo.