
Malpica volverá vivir este ano as súas tradicionais Festas do Mar, unha das celebracións máis ligadas á identidade mariñeira da vila. O porto, a lonxa e a xente do mar volverán ser protagonistas dunha festa que representa unha parte esencial da historia e da cultura de Malpica.
A celebración chega este ano nun momento especialmente significativo, despois de que a Cofradía de Pescadores de Malpica decidise asumir un papel activo para facer posible a celebración ante a falta de iniciativa do Goberno municipal.
As Festas do Mar son moito máis ca un programa festivo. Son unha homenaxe á xente do mar, ás familias mariñeiras e a toda unha actividade económica que durante décadas marcou a vida de Malpica. Unha oportunidade para que veciños, visitantes e profesionais do sector compartan uns días de encontro, tradición e orgullo polo carácter mariñeiro da vila.
E detrás desta celebración tamén hai unha historia de traballo e transformación da propia Cofradía.
Unha Cofradía que mudou a súa situación
Cando Pedro Pérez Martelo asumiu o cargo de patrón maior en 2014, a Cofradía atravesaba unha situación económica especialmente complicada, cunha débeda que chegou a situarse arredor dos 350.000 euros.
Desde entón iniciouse un proceso de procura de solucións, colaboración coas administracións e captación de recursos destinados a garantir o futuro da entidade e fortalecer o sector pesqueiro.
Unha das principais vías foi a aposta polas axudas europeas FEMPA, que permitiron impulsar diferentes proxectos relacionados coa modernización da lonxa, a sustentabilidade, a transformación dixital, a eficiencia enerxética, a comercialización e a mobilidade sostible.
Entre 2023 e 2026, a Cofradía beneficiouse de diferentes programas e axudas que, segundo os datos manexados pola entidade, superan conxuntamente os 370.000 euros.
Entre elas figuran os 68.870,80 euros de 2023 para proxectos colectivos FEMPA, os 80.181,24 euros de 2024 e os 97.036,70 euros de 2025, ademais doutras achegas procedentes da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña.
Tamén destacan proxectos concretos como “Movendo o mar: mobilidade sostible para a Cofradía de Pescadores de Malpica”, cunha achega de 19.967,66 euros, ou “CERCO SOSTIBLE 4.0”, que recibiu 12.000 euros da Deputación da Coruña para avanzar na modernización tecnolóxica e segura da cadea de valor da lonxa.
A estas cantidades súmanse outras actuacións destinadas á transformación dixital, eficiencia enerxética, sustentabilidade ambiental e comercialización dos produtos pesqueiros.
Do pasado ao futuro
A evolución da Cofradía nos últimos anos permite entender o contexto no que Malpica recupera agora as súas Festas do Mar: unha entidade que, tras atravesar unha situación económica moi delicada, apostou pola procura de financiamento e por novos proxectos para modernizar as súas estruturas.
Pedro Pérez Martelo foi unha das figuras que liderou este proceso desde 2014, buscando alternativas e recursos para fortalecer a Cofradía e defender los intereses do sector pesqueiro.
Agora, as Festas do Mar volven poñer o foco no máis importante: Malpica, o seu mar e a súa xente.
Unha celebración para gozar, pero tamén para lembrar que detrás de cada barco, de cada peixe que chega á lonxa e de cada familia vinculada ao mar existe unha historia de esforzo, tradición e traballo.
Malpica celebra as súas Festas do Mar. E faino mirando ao futuro sen esquecer as súas raíces mariñeiras.