
Dous vehículos víronse implicados na mañá deste martes nun accidente de tráfico rexistrado na AG-56, Santiago-Brión, no quilómetro 1,2, á altura de Conxo, nas proximidades das conexións que permiten enlazar coa SC-20 ou continuar en dirección á AP-9.
O sinistro consistiu nunha colisión por alcance, despois de que un dos vehículos frease e o que circulaba por detrás non puidese evitar o impacto.
Un particular alertou do sucedido ao 112 Galicia arredor das 9.30 horas. A incidencia produciuse nun punto de especial tránsito da vía, nas inmediacións dos principais enlaces de acceso e saída da cidade.