Betanzos pecha hoxe as Festas de San Roque coa segunda xira aos Caneiros e a actuación de París de Noia

Betanzos pecha este martes, 25 de agosto, as Festas de San Roque coa tradicional segunda xira aos Caneiros, unha das celebracións máis multitudinarias e arraigadas do calendario festivo da cidade. A xornada contará tamén coa actuación da orquestra París de Noia, que poñerá o broche musical ás festas.

Os actos comezarán ás 12:00 horas, coa tradicional salva de 21 bombas de ordenanza e o inicio dos embarques no peirao do Paseo da Tolerancia. As charangas NBA e DGT serán as encargadas de amenizar a saída das embarcacións e acompañar as persoas participantes durante a romaría.

Xa no Campo dos Caneiros, a festa continuará coa música de DJ Sebas e a actuación da Charanga NBA. Ás 16:30 horas está prevista a saída da embarcación municipal Diana Cazadora, na que viaxarán representantes das asociacións betanceiras e da Corporación municipal.

O regreso desde Os Caneiros estará acompañado ás 22:30 horas por unha sesión de fogos artificiais acuáticos e aéreos na Ponte Vella, un dos momentos máis espectaculares e tradicionais do peche da romaría.

A celebración continuará posteriormente na praza dos Irmáns García Naveira. Ás 23:00 horas, a orquestra París de Noia ofrecerá a súa actuación, encargada de poñer o punto final á programación das Festas de San Roque.

Máis dun centenar de persoas no dispositivo de seguridade

A segunda xira aos Caneiros contará cun dispositivo especial de seguridade, emerxencias e atención á cidadanía, formado por máis dun centenar de persoas.

No operativo participarán efectivos de Protección Civil de Betanzos e doutros municipios da comarca, Cruz Vermella, Policía Local, Garda Civil e persoal dos servizos municipais. Todos eles traballarán de maneira coordinada durante a xornada para garantir a seguridade das persoas participantes.

Ademais, instalaranse postos base de atención de emerxencias no Paseo da Tolerancia e no Campo dos Caneiros, mentres varias embarcacións de Protección Civil percorrerán o río para realizar tarefas de vixilancia e atender posibles incidencias.

O dispositivo prestará especial atención á seguridade na navegación e ao cumprimento da normativa, así como ao control da venda de bebidas alcohólicas a menores. Tamén estará prohibida a navegación de motos acuáticas polo río, que será obxecto dun control específico.

O Concello de Betanzos fai un chamamento á responsabilidade e pide ás persoas participantes que colaboren cos servizos de seguridade e emerxencias e sigan as súas indicacións durante toda a xornada, co obxectivo de que a última xira aos Caneiros se desenvolva con normalidade e permita poñer o peche ás Festas de San Roque.