
O operativo de busca contou coa participación da Garda Civil, Policía Local, Protección Civil, familiares e veciños
Muxía. — Un home nonaxenario que permanecía desaparecido desde facía varias horas foi localizado sen vida este xoves nunha finca do lugar de Figueiras, en Muxía.
Ás 19:00 horas, o servizo de emerxencias 112 Galicia mobilizou efectivos para colaborar no operativo de busca do home, cuxa desaparición fora comunicada previamente pola súa familia tras comprobar que non se atopaba na súa vivenda.
Unha vez informadas as forzas de seguridade, activouse un dispositivo conxunto no que participaron efectivos da Garda Civil, Policía Local, Voluntarios de Protección Civil de Muxía, ademais de familiares e veciños da zona, que se sumaron ás tarefas de localización.
O operativo contou tamén con medios aéreos, concretamente drons da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Muxía e da Policía Local, que apoiaron as labores de rastrexo desde o aire.
Finalmente, arredor das 22:00 horas, unha veciña que participaba no dispositivo de busca localizou o home sen vida nunha finca situada no lugar de Figueiras.
Desde Protección Civil de Muxía e a Policía Local trasladaron o seu máis sentido pésame á familia e ás persoas achegadas ao falecido, así como o seu cariño e apoio nestes difíciles momentos.
