Carballo reforza a prevención de incendios coa nova licitación das rozas en espazos públicos

O Concello destina 147.511,64 euros anuais a un servizo que permitirá realizar máis de 1.800 horas de rozas mecanizadas e manuais cada ano

O Concello de Carballo ten en licitación o novo contrato para a realización de traballos preventivos de roza e limpeza en espazos urbanos e de uso público de todo o municipio, cunha clara finalidade de prevención e defensa fronte aos incendios forestais.

O contrato conta cun orzamento base de 147.511,64 euros ao ano e terá unha duración inicial de dous anos, coa posibilidade de prórroga.

Segundo as previsións municipais, o servizo permitirá executar anualmente 1.500 horas de roza mecanizada e 350 horas de roza manual. Os traballos incluirán tamén a limpeza das zonas intervidas e a retirada dos restos vexetais, co obxectivo de reducir a presenza de biomasa e manter os espazos en condicións axeitadas de seguridade e limpeza.

Actuacións en diferentes puntos do municipio

As rozas abranguerán diferentes espazos públicos e zonas de interese do municipio. Entre elas atópanse o paseo fluvial do Anllóns, a contorna do cemiterio municipal, os aparcadoiros das praias, a Ruta das Férvedas, o circuíto de motor e o polígono de Bértoa.

Tamén se contemplan actuacións en parcelas municipais, campos da festa e baldíos situados en solo rústico, entre outros puntos.

O servizo desenvolverase ao longo de todo o ano e establece un mínimo de tres actuacións en cada unha das zonas previstas, coa condición de que a primeira intervención se realice antes do 31 de maio.

Con esta nova licitación, o Concello busca garantir un servizo continuado de mantemento da vexetación e eliminación de biomasa, reforzando así as medidas municipais de prevención dos incendios forestais e contribuíndo á conservación e seguridade dos espazos públicos.

As empresas interesadas en participar no procedemento de contratación poderán presentar as súas ofertas ata o 15 de setembro.