O PP de Melide valora a axuda de 149.000 euros da Xunta para mellorar a eficiencia enerxética da piscina climatizada

Os populares consideran positiva a subvención, pero critican a xestión do Concello e advirten de que a instalación leva sete anos pechada

O Partido Popular de Melide valorou positivamente a concesión dunha axuda de 149.000 euros por parte da Xunta de Galicia destinada á mellora da eficiencia enerxética da piscina climatizada municipal. Porén, os populares consideran que a actuación queda condicionada pola, ao seu xuízo, «inoperancia» do Goberno local.

Desde o PP local agardan que esta subvención contribúa a avanzar na recuperación da instalación, aínda que expresan as súas dúbidas sobre a capacidade do Concello para executar unha solución definitiva. «Ogallá esta axuda puxera fin á desfeita que o goberno local fixo coa piscina climatizada, pero lamentablemente parece que este non será o final da película», sinalan.

Os populares lembran ademais que esta situación xa se produciu no pasado. Segundo explican, hai catro anos, no tramo final do anterior mandato, o Goberno municipal presentara un proxecto de reforma da piscina por importe superior ao millón de euros. O PP cuestiona que aquela iniciativa non chegase a materializarse e asegura que, unha vez celebradas as eleccións municipais, «voaron os papeis».

A formación popular critica que, tras sete anos coa piscina climatizada pechada, se volvan anunciar actuacións cando se aproxima o final do mandato. Ao seu entender, a situación evidencia unha falta de solucións efectivas para unha infraestrutura que consideran fundamental para os veciños de Melide.

«Así estamos hoxe, despois de cumprirse sete anos coa piscina pechada e de moitas promesas… vaise acabando o mandato e volven vendernos fume! Parece unha broma!», reprochan desde o PP, que considera que os veciños están «moi fartos desta propaganda».

Finalmente, os populares inciden na necesidade de contrastar as promesas realizadas polo Goberno local coa realidade da instalación. «Dúas imaxes enténdense mellor xuntas… levamos sete anos así e con este goberno así seguiremos», conclúen.