
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visita este luns Carballo para coñecer de primeira man as necesidades do CEIP Bergantiños e analizar o inicio do novo curso escolar.
Pontón manterá ás 11.45 horas unha reunión coa dirección do centro educativo e coa ANPA, nun encontro no que estará acompañada polo alcalde de Carballo, Daniel Pérez, así como pola portavoz parlamentaria de Educación, Cristina Fernández; o deputado pola comarca, Óscar Insua, e a concelleira de Servizos Sociais, Maica Ures.
Durante a visita, a formación nacionalista abordará as principais necesidades do CEIP Bergantiños e fará unha valoración do inicio do curso escolar, ao tempo que presentará as propostas do BNG en materia educativa.
Segundo o BNG, o obxectivo é analizar medidas que permitan mellorar a calidade do ensino en todos os ciclos formativos, así como coñecer directamente as demandas da comunidade educativa de Carballo.
Tras a reunión, prevista no CEIP Bergantiños, situado na rúa Carballo Calero, Ana Pontón e o resto de representantes do BNG atenderán aos medios de comunicación e ofrecerán declaracións sobre os asuntos tratados durante o encontro.
