Un motorista falece tras saírse da vía en Outes

Un motorista faleceu este domingo tras saírse da vía coa súa motocicleta no municipio de Outes. No accidente non se viu implicado ningún outro vehículo.

O sinistro produciuse pouco despois das 18:00 horas, no punto quilométrico 8 da estrada DP-5604, segundo informou o 112 Galicia.

Tras recibir o aviso, os coordinadores do 112 mobilizaron o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia (061), que desprazou ata o lugar o helicóptero medicalizado con base en Santiago. Tamén acudiron efectivos do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Noia e da Agrupación de Tráfico da Garda Civil.

A pesar da rápida intervención dos servizos de emerxencias, non foi posible salvar a vida do motorista, que faleceu no lugar do accidente.

O 112 Galicia acaba de confirmar o suceso.