UCIN Boiro reclama a dimisión da concelleira de Medio Ambiente pola xestión das colonias felinas

A formación municipalista denuncia en Santiago o que cualifica de “incompetencia e desidia” do Concello e pide explicacións sobre as supostas ordes de non recoller animais

Santiago de Compostela.– Unha representación de UCIN Boiro, encabezada polo seu coordinador local, Miguel Piqueras, participou este martes nunha concentración na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela para denunciar a xestión do Concello de Boiro en materia de protección animal e reclamar o cumprimento das obrigas establecidas pola Lei 7/2023.

Durante a mobilización, a formación municipalista esixiu a dimisión inmediata da concelleira de Medio Ambiente, á que responsabiliza dunha xestión que cualifica de “neglixente” das colonias felinas do municipio.

UCIN Boiro tamén reclama ao Goberno local que explique publicamente se existen instrucións para non proceder á recollida de determinados animais e, de ser así, quen tería dado esas ordes e cal é o protocolo oficial actualmente vixente.

Segundo denuncia a formación, veciños e persoas voluntarias terían trasladado que, en determinadas ocasións, ao contactar con Protección Civil para solicitar a recollida de gatos feridos, abandonados ou en situación de risco, recibirían como resposta que existían instrucións para non realizar esas intervencións.

UCIN Boiro considera que estes testemuños deben ser aclarados polo Concello e advirte de que, se esas instrucións existisen, poderían supoñer un incumprimento das obrigas municipais en materia de protección animal.

A formación quixo, ao mesmo tempo, diferenciar estas críticas da actuación do persoal e do voluntariado de Protección Civil. UCIN Boiro asegurou que non cuestiona a súa profesionalidade nin o seu compromiso e sinalou que estas persoas “actúan conforme ás ordes e protocolos” establecidos polo Goberno local.

Reclaman un programa para as colonias felinas

Desde a Praza do Obradoiro, Miguel Piqueras defendeu que as persoas voluntarias “non están a pedir favores ao Concello”, senón “coordinación, respostas e seguridade xurídica”.

A formación tamén reclama a posta en marcha dun programa efectivo de xestión das colonias felinas, así como a actualización do censo, o cumprimento dos plans de esterilización e a prestación da atención sanitaria necesaria.

UCIN Boiro denuncia igualmente que existen solicitudes e carnés vinculados á xestión das colonias que, segundo a formación, levan anos pendentes de resposta por parte da Administración local.

“Boiro necesita menos escusas e máis xestión, menos promesas e máis feitos. As leis non están para quedar nun papel”, afirmou Piqueras, que asegurou que a formación continuará reclamando responsabilidades ao Goberno municipal.

A formación municipalista considera que a situación chegou a un “punto límite” e reclama ao Concello de Boiro que dea explicacións públicas sobre o funcionamento dos protocolos de actuación e adopte medidas para garantir o cumprimento da normativa de protección animal.