
As incidencias, que afectan usuarios de diferentes compañías, están a dificultar as chamadas, a conexión a internet e o funcionamento dos datáfonos nos establecementos comerciais
O goberno municipal vén de realizar novas xestións ante as administracións competentes para reclamar unha solución urxente aos problemas que desde hai varios días está a experimentar a rede de telefonía móbil en diferentes puntos de Baio.
As incidencias están a afectar persoas usuarias de diferentes compañías operadoras e están a provocar dificultades tanto para realizar e recibir chamadas como para acceder a internet e utilizar os datos móbiles. A situación tamén está a xerar problemas no funcionamento dos datáfonos de distintos establecementos comerciais, dificultando os pagamentos electrónicos.
Ante esta situación, o Concello trasladou a problemática á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), solicitando que se adopten as medidas necesarias para identificar a orixe das incidencias e acelerar o restablecemento do servizo.
Ademais, o goberno municipal presentou unha denuncia ante a Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual, dependente do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, ao considerar que se está a producir unha “incidencia colectiva grave na rede de telefonía móbil” que afecta persoas usuarias de diferentes operadoras.
O Concello lembra que as competencias nesta materia corresponden ao Estado e reclama, ao abeiro do establecido na Lei 9/2014, do 9 de maio, Xeral de Telecomunicacións, que se adopten as medidas necesarias para facer fronte a unha situación que considera grave e prolongada.
Desde o goberno municipal aseguran que continuarán realizando todas as xestións ao seu alcance ante as administracións competentes e as compañías operadoras co obxectivo de obter unha resposta e conseguir que o servizo de telefonía móbil se restableza canto antes e con normalidade.
