

Zas celebra dúas datas moi especiais coa homenaxe a dúas das súas veciñas máis lonxevas. Dolores Maneiro Otero, veciña de Brandomil, acaba de cumprir 102 anos, mentres que Araceli Espasandín Rieiro, de Vilardomato, celebrou o seu centenario.
No caso de Dolores Maneiro Otero, a celebración tivo lugar hoxe, con motivo do seu 102 aniversario. O alcalde de Zas achegouse ata a súa casa para trasladarlle persoalmente os parabéns en nome do Concello e facerlle entrega dunha tarta conmemorativa. Dolores estivo acompañada pola súa familia nunha xornada tan especial.
Por outra banda, Araceli Espasandín Rieiro acaba de cumprir 100 anos. A súa familia e as persoas máis próximas acompañárona nunha celebración que serviu para conmemorar un século de vida, experiencias e historias compartidas. O alcalde de Zas tamén se achegou para felicitala persoalmente e entregarlle unha tarta conmemorativa.
Desde o Concello de Zas quixeron trasladarlles ás dúas veciñas os seus parabéns por estas datas tan significativas e agradecerlles a oportunidade de compartir con elas e coas súas familias momentos tan especiais.
Dúas celebracións que poñen en valor a memoria e as historias das persoas maiores do municipio e que permiten render unha pequena homenaxe a dúas mulleres que xa forman parte da historia viva de Zas.
