
O grupo municipal solicita ao Concello información sobre a procedencia dos residuos, a súa xestión e os permisos que amparan os traballos de explanación
O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Laxe presentou unha solicitude de información ante o Concello para coñecer as circunstancias que rodean o depósito de residuos procedentes de obras e demolicións (RCD) nunha parcela de titularidade municipal situada en Boaño, nas proximidades dun parque infantil.
Segundo expón a formación nacionalista, na parcela estarían depositados materiais procedentes de obras e demolicións e, actualmente, estaríanse realizando traballos con maquinaria destinados a estender, explanar ou aplanar estes materiais sobre o propio terreo.
O BNG sinala ademais que anteriormente se terían observado actuacións similares na zona de Espiñaredo, polo que reclama ao Goberno local información detallada sobre a natureza dos materiais e o marco administrativo e ambiental que ampara a actuación.
A formación nacionalista lembra no seu escrito que o uso de residuos de construción e demolición en operacións de recheo, acondicionamento ou restauración de terreos está sometido aos requisitos establecidos pola normativa vixente en materia de residuos, e considera necesario comprobar que se cumpren as correspondentes condicións.
Entre a documentación solicitada figura o expediente, autorización, orde ou resolución municipal que ampare tanto o depósito dos materiais como os traballos que se están executando na parcela.
O BNG tamén reclama coñecer a procedencia dos residuos, as obras das que proceden e a identidade das empresas responsables do seu transporte, así como unha relación e caracterización dos RCD depositados. En particular, solicita información sobre se os materiais foron clasificados como residuos inertes e se son aptos para a súa utilización como material de recheo ou acondicionamento.
A solicitude inclúe igualmente a petición de copia do Plan de Xestión de Residuos correspondente ás obras de procedencia, cando sexa preceptivo, así como dos documentos que acrediten o destino e a correcta xestión dos residuos.
Outro dos aspectos sobre os que o grupo municipal pide información é a identificación dos xestores autorizados que interviñeron na xestión dos materiais e a documentación que acredite a súa entrega, aceptación, tratamento ou destino.
O BNG solicita tamén copia de calquera autorización, comunicación, informe ou título ambiental que, de ser o caso, ampare a utilización dos residuos para o recheo, acondicionamento ou modificación do terreo municipal.
Finalmente, a formación pide coñecer cal é a actuación municipal concreta para a que se están empregando os materiais, a finalidade dos traballos de recheo ou explanación, a superficie afectada e o volume aproximado de material utilizado.
O grupo municipal remata a súa petición reclamando que, no caso de non existir algún dos documentos solicitados, o Concello indique expresamente e por escrito a súa inexistencia.
