
Os centros educativos poderán inscribirse ata o 5 de outubro e a proba en liña celebrarase o 14 de outubro
Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2026.– A Xunta de Galicia pon en marcha unha nova edición do concurso ‘Ciberseguridade no cole!’, unha iniciativa destinada a sensibilizar o alumnado máis novo sobre a importancia de facer un uso seguro e responsable da tecnoloxía.
A sexta edición do certame está dirixida aos estudantes de 5º e 6º de Educación Primaria e 1º e 2º da ESO dos centros educativos galegos, que poderán formalizar a súa inscrición ata o 5 de outubro. A iniciativa combina aprendizaxe e entretemento para achegar aos escolares coñecementos básicos sobre seguridade dixital.
A competición contará cunha proba en liña o 14 de outubro, mentres que a final presencial terá lugar o 6 de novembro na Cidade da Cultura de Galicia, no marco do VI Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal.
O concurso está organizado por Telefónica, patrocinador VIP do encontro, e impulsado polo Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, liderado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Os centros interesados poden consultar os formularios de inscrición e as bases da convocatoria no EspazoAbalar.
Nova iniciativa para o alumnado de 3º e 4º de Primaria
Como principal novidade desta edición, ponse en marcha por primeira vez ‘Debuxando Ciberseguridade no cole!’, unha actividade destinada ao alumnado de 3º e 4º de Primaria, que tamén terá como prazo de inscrición o 5 de outubro.
Baixo o lema ‘Profesións da ciberseguridade’, a proposta pretende introducir os escolares máis pequenos nos conceptos básicos da seguridade dixital e darlles a coñecer diferentes perfís profesionais relacionados con este ámbito a través da expresión artística. Haberá unha categoría específica para cada curso.
Máis de 5.000 participantes na pasada edición
A pasada edición de ‘Ciberseguridade no cole!’ contou coa participación de 5.015 escolares de Primaria e Secundaria pertencentes a 78 centros educativos de toda Galicia.
O concurso forma parte das actividades do Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, que reúne entidades públicas e privadas co obxectivo de promover a cultura da ciberseguridade e fomentar un uso máis seguro das tecnoloxías dixitais entre a cidadanía galega.
