
O pleno extraordinario celebrado o pasado xoves, 17 de setembro, aprobou a participación do Concello de Malpica na segunda fase do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal, o POS+ Adicional 2/2026, cunha achega de máis de 338.000 euros.
O único punto da orde do día saíu adiante cos 6 votos favorables do PP e as abstencións do BNG (2), PSOE (4) e AIM (1).
Durante o debate, o BNG de Malpica explicou que a súa abstención responde, segundo sinalou, a unha posición de “coherencia e responsabilidade coa veciñanza”. A formación nacionalista afirmou que non votaría a favor porque, ao seu xuízo, iso suporía avalar o modelo de xestión do goberno local, pero tampouco en contra para non impedir que os fondos provinciais se destinen a actuacións nas parroquias e nas infraestruturas municipais.
O BNG cuestionou especialmente a convocatoria dun pleno extraordinario a poucos días de rematar o prazo establecido para a presentación da documentación, que finaliza o 18 de setembro. Segundo a formación, a Deputación da Coruña comunicou as condicións do POS+ Adicional 2/2026 xa no mes de abril, polo que o Concello dispoñía de varios meses para preparar os proxectos.
“Tiveron todo o mes de maio, todo o mes de xuño e todo o mes de xullo para planificar, para encargar os proxectos con tempo e para facer as cousas con rigor”, afirmou o BNG durante a sesión, cuestionando que as propostas non se levasen ao pleno ordinario do mes de xullo.
Críticas aos proxectos presentados
A formación nacionalista tamén centrou parte das súas críticas no deseño das actuacións incluídas no plan. Segundo o BNG, dos seis proxectos presentados, cinco sitúanse en importes comprendidos entre os 30.000 e os 39.880 euros, unha circunstancia que a formación relaciona co límite do contrato menor.
O BNG considera que este modelo supón apostar por actuacións de pequeno importe fronte a procesos de licitación máis amplos e acusa o goberno municipal de empregar unha política de obras baseada en “parches”.
A formación nacionalista tamén vinculou esta planificación co calendario electoral de 2027, ao considerar que as actuacións poderían estar orientadas a que as obras estean executadas antes das próximas eleccións municipais. Trátase, en todo caso, dunha valoración política do BNG, que acusa o goberno local de realizar unha xestión “partidista e electoralista”.
“Non imos ser o pretexto para dicir que o BNG bloquea as obras”
A pesar das críticas, o BNG decidiu non votar en contra do plan. A formación destacou que a súa abstención non supón opoñerse ao investimento provincial de máis de 338.000 euros en Malpica, senón expresar o seu desacordo coa maneira na que, segundo sostén, se están planificando e tramitando as actuacións.
“Non imos aplaudir a lentitude á hora de tramitar as subvencións, a súa improvisación e o uso partidista e electoralista deste Plan da Deputación da Coruña”, sinalou a formación nacionalista.
Ao mesmo tempo, engadiu que tampouco quere converterse no argumento para que o goberno municipal poida afirmar que o BNG está a bloquear as obras previstas para as parroquias.
O BNG pechou a súa intervención defendendo que Malpica merece unha planificación a longo prazo e unha política de investimentos baseada nas necesidades do concello, fronte ao que considera “improvisación, présas de última hora e unha política de parches”.
