A situación da planta de biogás que se pretende instalar no concello da Laracha continúa xerando preocupación entre a veciñanza. Desde o PSOE de A Laracha defenden que o desenvolvemento de novos proxectos enerxéticos debe compatibilizarse coa protección da saúde, os recursos hídricos, o patrimonio e a tranquilidade das persoas que viven nas proximidades.
Segundo explican desde a formación, a instalación podería chegar a xestionar ata 63.500 toneladas de residuos ao ano, unha dimensión que, ao seu xuízo, fai necesario coñecer con detalle as condicións do proxecto, os accesos previstos, as distancias ás vivendas e o seu posible impacto ambiental.
A voceira socialista local, Inés, abordou hoxe esta cuestión con Patri, deputada no Parlamento de Galicia, para analizar a situación da planta e trasladar as preocupacións existentes no municipio.
Desde o PSOE reclaman á Xunta de Galicia criterios claros e transparentes para regular as plantas de biogás, así como respecto pola autonomía municipal para que A Laracha poida participar de maneira efectiva nas decisións que afectan ao seu territorio.
A formación tamén reclama unha escoita activa da veciñanza e defende que proxectos destas características non deben avanzar sen contar coas persoas afectadas.
«O biogás pode ter o seu papel na transición enerxética, pero nunca á costa da saúde, a auga, o patrimonio e a tranquilidade das nosas casas», sinalan desde o PSOE de A Laracha.
A formación asegura que continuará trasladando estas demandas tanto no Concello da Laracha como no Parlamento de Galicia.
