
Docente de profesión, desenvolveu boa parte da súa traxectoria no ámbito social, centrada na promoción da autonomía e o envellecemento activo das persoas maiores.
Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2026.– O Padroado da Fundación Pública Galega para o Apoio ao Exercicio da súa Capacidade Xurídica (Funga) reuniuse este luns de maneira extraordinaria en San Caetano para abordar, entre outras cuestións, o relevo na dirección da entidade. Durante a xuntanza acordouse o nomeamento de Paula Sande como nova directora xerente da Funga.
Docente de profesión, Sande conta cunha ampla experiencia no ámbito social, especialmente no traballo orientado á promoción da autonomía persoal e ao envellecemento activo das persoas maiores. Unha parte destacada da súa traxectoria estivo vinculada á Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos (Ategal), entidade da que foi xerente entre os anos 2004 e 2020.
Durante os dezaseis anos á fronte de Ategal, Paula Sande contribuíu ao impulso e consolidación da entidade, que desenvolveu a súa actividade en distintos puntos de Galicia no ámbito da formación permanente e da atención ás persoas maiores.
A súa incorporación á dirección da Funga supón a chegada dunha profesional cunha dilatada experiencia na xestión de entidades sociais e no desenvolvemento de iniciativas destinadas a favorecer a autonomía e a participación activa das persoas maiores.
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, puxo en valor a traxectoria profesional da nova directora xerente e salientou o seu compromiso cunha sociedade galega máis integradora e coa atención ás persoas que se atopan en situación de maior vulnerabilidade.
García tamén aproveitou a reunión para agradecer o traballo desenvolvido pola anterior directora xerente, Eloína Ingerto, así como o labor de xestión realizado polo coordinador da Funga, Francisco Brea, durante este período de transición.
