
A Confraría de Pescadores de Lira foi beneficiaria este ano dunha axuda por importe de 23.754 euros, financiada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), destinada ao desenvolvemento de accións de formación profesional e formación permanente no sector pesqueiro.
A iniciativa, correspondente ao expediente PE610A-2026-00021, ten como finalidade contribuír á mellora da cualificación e preparación das persoas vinculadas ao mundo do mar, facilitando o acceso a formación especializada e adaptada ás necesidades do sector.
Os beneficiarios dos cursos son todos os alumnos e alumnas participantes, que terán a oportunidade de adquirir e actualizar coñecementos e competencias fundamentais para o desenvolvemento da súa actividade profesional no ámbito marítimo-pesqueiro.
Tres cursos de formación
No marco desta axuda, a Confraría de Pescadores de Lira impartirá un total de tres cursos:
- Patrón local de pesca, sección ponte e común.
- Patrón local de pesca, sección máquinas.
- Formación sanitaria específica inicial básica.
Estas accións formativas permitirán aos participantes ampliar a súa preparación profesional e contar con coñecementos necesarios para desenvolver as súas funcións a bordo con maiores garantías.
Comezo do curso de Patrón local de pesca – sección máquinas
Durante este mes de setembro deu comezo o curso de Patrón local de pesca, sección máquinas, unha das formacións incluídas no proxecto financiado polo FEMPA.
Con esta iniciativa, a Confraría continúa apostando pola formación e profesionalización da xente do mar, favorecendo a adquisición de novas competencias e contribuíndo á mellora da capacitación dos profesionais do sector pesqueiro.
O proxecto representa, así mesmo, unha aposta pola formación como ferramenta fundamental para garantir o futuro e a continuidade dunha actividade esencial para as comunidades costeiras.
