
Arturo Parrado destaca no II Simposio Europeo sobre Aporofobia o compromiso do Goberno galego coa inclusión social e coa participación de toda a cidadanía
Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2026.– A Xunta de Galicia aposta pola sensibilización como unha das principais ferramentas para combater a aporofobia, os prexuízos e a discriminación que sofren as persoas en situación de pobreza ou vulnerabilidade.
Así o sinalou esta tarde o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, durante a súa intervención no II Simposio Europeo sobre Aporofobia, organizado pola Rede Galega de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social (EAPN).
Parrado trasladou o recoñecemento do Goberno galego ao traballo desenvolvido pola EAPN en favor das persoas en situación de vulnerabilidade e destacou a importancia de situar no debate público as situacións de rexeitamento e discriminación ás que se enfrontan.
Durante a súa intervención, o director xeral salientou o compromiso da Xunta coa adopción de medidas destinadas a reducir as desigualdades sociais, combater a discriminación e fomentar valores como o respecto e a tolerancia. Tamén reivindicou a necesidade de favorecer a participación activa de todas as persoas na sociedade.
Neste contexto, Parrado subliñou o papel da sensibilización para facer fronte aos prexuízos relacionados coa pobreza. Unha liña de actuación que, segundo explicou, forma parte da Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2023-2030, que contempla entre as súas prioridades a loita contra a aporofobia e contra a discriminación por diferentes motivos.
A estratexia tamén aposta pola participación social como instrumento para avanzar na inclusión das persoas en situación de vulnerabilidade e reducir as desigualdades.
O director xeral concluíu sinalando que a loita contra a discriminación das persoas máis vulnerables constitúe unha das prioridades das políticas de inclusión social do Goberno galego.

