
A nova edil asumirá tamén as áreas de Economía e Facenda, Persoal, Promoción do Emprego e Traballo e Benestar Animal · O alcalde, Anxo Arca, reorganiza as áreas e as tenencias de alcaldía tras a incorporación da nova concelleira
Padrón, 23 de setembro de 2026. O Goberno municipal de Padrón conta desde este mércores cunha nova integrante. María Yolanda Carbia Castro tomou posesión como concelleira no pleno ordinario da Corporación, ocupando a vacante deixada polo falecemento de Ana Castro García.
A sesión plenaria comezou cun minuto de silencio en memoria da edil falecida. O alcalde de Padrón, Anxo Arca, quixo destacar a súa “extraordinaria vocación de servizo público” e o compromiso que mantivo co municipio durante os últimos anos.
“Durante os tres últimos anos da súa vida dedicouse a mellorar este pobo. Ata os últimos momentos estivo preocupada porque os padroneses e as padronesas tivesen as mellores oportunidades”, sinalou Arca, quen engadiu que moitos dos proxectos nos que participou Castro “serán desfrutados pola cidadanía durante moitos anos”.
Cinco áreas de responsabilidade
Yolanda Carbia, licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela, conta con máis de dúas décadas de experiencia no ámbito educativo. Na actualidade exerce como profesora de Formación e Orientación Laboral e secretaria do IES de Valga.
Durante os oito meses que restan de mandato, a nova concelleira asumirá as competencias de Educación e Cultura; Economía e Facenda; Persoal; Promoción do Emprego e Traballo, e Benestar Animal.
Tras a súa toma de posesión, o alcalde deulle a benvida ao Goberno municipal e destacou a súa “grande capacidade de traballo”. Carbia recibiu tamén a insignia e a medalla da Corporación.
A súa incorporación implica unha remodelación das áreas de goberno e das tenencias de alcaldía, segundo o decreto asinado pola Alcaldía.
Nova distribución das áreas municipais
O propio Anxo Arca manterá, ademais das funcións propias da Alcaldía, as competencias de Axenda 2030; Transición Ecolóxica; Información e Comunicación; Relacións Institucionais e cos sectores económicos; Seguridade Cidadá, incluíndo Policía Local, Protección Civil e GES, así como Tráfico; Saúde Pública; Urbanismo, e Vivenda e Solo.
Chus Campos Varela, que continuará como primeira tenente de alcalde, será responsable de Turismo; Festexos; Xacobeo 2027; Comercio; Medio Ambiente; Parques e Xardíns; Limpeza Viaria, e Cemiterios.
Pola súa banda, Luis Mariño Castro pasa a ocupar a segunda tenencia de alcaldía e asumirá as áreas de Deportes; Vías e Obras; Abastecemento de Auga Potable; Saneamento; Alumeado Público; Xestión Enerxética; Recollida e Tratamento dos Residuos Sólidos Urbanos; Praza de Abastos, Mercado Dominical e Venda Ambulante.
A terceira tenencia de alcaldía corresponderá a Laura Horta Ignacio, que continuará ao fronte de Dixitalización e Modernización da Administración Local; Novas Tecnoloxías; Formación; Política Lingüística, e Participación Cidadá.
Finalmente, Mariló Saco Vigo manterá as súas responsabilidades en Servizos Sociais; Igualdade e Muller; Relacións Veciñais; Terceira Idade, e Xuventude e Voluntariado.
Con esta remodelación, o Goberno local adapta a distribución das súas competencias á incorporación de Yolanda Carbia e afronta a recta final do mandato municipal cunha nova estrutura de áreas e responsabilidades.
