O PP de Boiro denuncia a acumulación de lixo no campo municipal de Valiño

Pais, directivos e xogadores amosan o seu malestar ante a falta de limpeza das instalacións deportivas, que acollerán partidos mañá

O Partido Popular de Boiro denuncia a situación de abandono e falta de limpeza que, segundo sinala, se está a vivir durante toda a semana no campo municipal de Valiño. O lixo acumulado nas instalacións deportivas continúa sen ser retirado a poucas horas de que se disputen novos partidos no recinto.

Desde o PP boirense aseguran que o malestar entre pais, directivos e xogadores é “maiúsculo”, especialmente pola situación de sucidade das instalacións e polas condicións nas que se desenvolve a actividade deportiva.

A formación popular critica tamén os problemas de subministración de auga que veñen afectando ao recinto e considera que, á falta deste servizo, se suma agora unha situación de falta de limpeza que cualifican de preocupante.

“Se xa era bastante ter problemas de auga, sumámoslle a sucidade e insalubridade das instalacións deportivas”, sinalan desde o PP, que reclama explicacións ao Concello sobre a situación do campo municipal.

Segundo denuncia a formación, ante as queixas recibidas a resposta trasladada sería “paciencia”, unha contestación que consideran insuficiente ante unhas instalacións que mañá volverán recibir actividade deportiva.

O PP pregunta así quen asume as responsabilidades pola situación do campo de Valiño e reclama que se adopten medidas para garantir unhas condicións adecuadas de limpeza, hixiene e funcionamento das instalacións deportivas municipais.

A polémica prodúcese ademais nun momento de actividade deportiva no campo, polo que pais, xogadores e responsables dos clubs agardan que o problema sexa solucionado antes dos encontros previstos.