Veciñanza de Laxe denuncia o mal estado da auga da traída e a falta de vivenda en alugueiro

Cheiro intenso, cor verdosa ou amarelenta e preocupación entre os veciños polas condicións da auga que chega ás vivendas

Veciños e veciñas de Laxe están trasladando nas últimas horas as súas queixas polo estado da auga da traída municipal. Segundo varios testemuños, a auga estaría chegando ás vivendas cun cheiro moi intenso e unha tonalidade escura, verdosa ou amarelenta, o que estaría xerando preocupación entre a poboación.

«Na miña casa, cando abres o grifo, cheira como a xurro», relata unha veciña, que asegura que o problema non estaría relacionado co cloro. Segundo explica, o aspecto e o cheiro da auga fan que resulte «imposible para consumir».

As queixas están a xerar malestar entre parte da veciñanza, que reclama coñecer cal é a causa do problema e se a auga cumpre cos parámetros de calidade esixidos para o consumo humano. Os residentes afectados agardan tamén que se realicen as comprobacións necesarias e que se informe publicamente dos resultados.

A vivenda, outro problema que preocupa no municipio

Á preocupación pola auga súmase outro dos asuntos que afectan á vida cotiá no municipio: o acceso á vivenda en alugueiro.

Abonda con revisar a oferta dispoñible para comprobar a escaseza de pisos destinados ao alugueiro durante todo o ano. Actualmente, nas redes de alugueiro consultadas aparecen só dúas vivendas dispoñibles en Laxe para todo o ano, ambas cun prezo de 500 euros mensuais.

Unha situación que pon de manifesto as dificultades para atopar unha vivenda estable no municipio, especialmente para persoas que queren residir ou continuar vivindo en Laxe durante todo o ano.

A calidade dos servizos básicos e o acceso á vivenda son, deste xeito, dúas cuestións que volven situarse no centro das preocupacións da veciñanza.