Alternativa Enxebre culmina o seu primeiro proceso electoral interno coa elección da nova Comisión Executiva

A formación celebrará este domingo a súa Asemblea Xeral Ordinaria, na que tamén se constituirá a Comisión de Control, Garantías e Dereitos

Alternativa Enxebre celebrará este domingo, 4 de outubro, a súa Asemblea Xeral Ordinaria, un encontro co que a formación culminará o seu primeiro proceso electoral interno desde a súa constitución.

A asemblea terá como un dos principais puntos da orde do día a constitución da primeira Comisión Executiva elixida de Alternativa Enxebre, que substituirá á actual Comisión Executiva provisional. O novo órgano estará integrado por 16 militantes.

Durante a xornada tamén está prevista a constitución da Comisión de Control, Garantías e Dereitos, formada por catro militantes, completando así a estrutura dos órganos internos da organización.

Desde Alternativa Enxebre sinalan que este proceso se desenvolve de acordo cos procedementos establecidos nos seus Estatutos e supón un novo paso na organización interna da formación.

A Asemblea Xeral Ordinaria terá lugar ás 18:00 horas, na sede de Alternativa Enxebre, situada na avenida do Balneario número 3, en Arteixo.

Coa celebración desta asemblea, a formación pretende avanzar na consolidación da súa estrutura organizativa e do seu proxecto político, que define como propio e independente, así como reforzar a súa presenza nos municipios nos que está implantada.