Fabiola García destaca a Anne L’Huillier como referente para as novas xeracións de científicas galegas

A conselleira de Política Social e Igualdade participou no encontro da Unidade Muller e Ciencia coa premio Nobel de Física 2023

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2026.– A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, participou este mediodía no encontro da Unidade Muller e Ciencia coa premio Nobel de Física 2023, Anne L’Huillier, a quen definiu como unha «gran referente» capaz de inspirar as novas xeracións de científicas galegas.

Durante o encontro, Fabiola García agradeceu a presenza da científica franco-sueca no pleno da Unidade Muller e Ciencia, un organismo que traballa para promover a visibilidade do talento feminino no ámbito científico e poñer en valor referentes que sirvan de inspiración ás novas xeracións.

A conselleira destacou que contar coa presenza de Anne L’Huillier supón un estímulo para continuar avanzando na igualdade de oportunidades no ámbito da ciencia e para trasladar ás novas xeracións a mensaxe de que o xénero non debe constituír unha barreira para desenvolver unha carreira científica e acadar o éxito profesional.

Anne L’Huillier recibiu o Premio Nobel de Física en 2023, xunto con Pierre Agostini e Ferenc Krausz, polos seus traballos experimentais que permitiron desenvolver métodos para xerar pulsos de luz de attosegundos destinados ao estudo da dinámica dos electróns na materia.

A participación da científica no encontro da Unidade Muller e Ciencia permite así achegar á sociedade galega a traxectoria dunha das principais referentes internacionais da física contemporánea e contribuír a visibilizar o papel das mulleres na investigación e na ciencia.

A Unidade Muller e Ciencia ten entre os seus obxectivos impulsar a igualdade entre mulleres e homes no ámbito científico e tecnolóxico, así como favorecer que as novas xeracións conten con referentes femininos que lles permitan identificar a carreira científica como unha opción profesional ao seu alcance.