
Só catro das nove seccións de reparto están actualmente cubertas e a acumulación supera xa as 4.000 cartas e os 300 envíos certificados
A CIG-Correos denuncia a situación que se está a vivir na Unidade de Reparto de Teixeiro, onde a falta de persoal está a provocar unha importante acumulación de correspondencia, unha elevada sobrecarga de traballo e dificultades para garantir con normalidade a prestación do servizo postal.
A unidade conta con nove seccións de reparto, das que actualmente só catro están cubertas. Esta falta de persoal obriga os traballadores e traballadoras que permanecen no servizo a asumir unha carga de traballo moi superior á habitual, con rutas que poden chegar a acadar unha media de 250 quilómetros diarios de reparto.
As zonas máis afectadas pola falta de cobertura son Aranga, Curtis, Teixeiro zona urbana e Vilasantar, que forman parte do territorio atendido desde esta unidade.
Desde a CIG consideran que pretender que este volume de traballo sexa asumido con normalidade dentro dunha xornada ordinaria resulta incompatíbel tanto cunhas condicións laborais adecuadas como coa prestación dun servizo postal público de calidade.
Máis de 4.000 cartas acumuladas
As consecuencias da falta de persoal xa son evidentes na propia unidade. Segundo os datos trasladados pola representación sindical, máis de 4.000 cartas permanecen actualmente acumuladas sen repartir.
Entre esta correspondencia atópanse envíos de especial relevancia para a cidadanía, como citas médicas ou comunicacións da Deputación da Coruña relativas ao pagamento da contribución, entre outras notificacións.
A esta acumulación súmanse máis de 300 envíos certificados pendentes de saída ao reparto, o que pode provocar atrasos e prexuízos para as persoas destinatarias, especialmente no caso de comunicacións administrativas ou doutra natureza que estean sometidas a prazos.
Máis tarefas para o persoal dispoñíbel
A CIG-Correos sinala que o problema non se limita ás seccións de reparto que permanecen sen cubrir. O persoal que continúa traballando na unidade tamén debe asumir outras funcións e servizos adicionais.
Entre estas tarefas figuran a atención das oficinas auxiliares de Sobrado, durante unha hora, e de Curtis, durante unha hora e media, ademais da recollida de valixas e paquetería e da realización doutros servizos, como os seguros de AXA e a lotaría da Cruz Vermella.
Para a organización sindical, esta acumulación de funcións incrementa aínda máis a presión sobre un cadro de persoal xa insuficiente.
“O problema é a falta de persoal e a solución pasa por contratar”
Desde o sector de Correos da CIG rexeitan que a situación poida ser considerada simplemente un problema organizativo ou que se pretenda solucionar aumentando a carga de traballo do persoal que permanece na unidade.
“Non se pode pretender que catro persoas asuman o traballo correspondente a nove, con quilometraxes desproporcionadas e acumulación de correspondencia día tras día. O problema é a falta de persoal e a solución pasa por contratar”, sinalan desde a organización sindical.
A CIG advirte de que prolongar esta situación no tempo supón trasladar ás persoas traballadoras as consecuencias da falta de cobertura dos postos, ao mesmo tempo que repercute directamente na cidadanía e na calidade do servizo postal.
A CIG reclama a cobertura inmediata das seccións
Ante esta situación, a CIG esixe a Correos que proceda á contratación de persoal procedente da bolsa de emprego coa maior brevidade posíbel, así como á cobertura das seccións que actualmente permanecen sen persoal.
A organización sindical reclama tamén que se adopten as medidas necesarias para poñer fin á acumulación de correspondencia e garantir a prestación normalizada do servizo.
“Desde a CIG non imos aceptar que a falta de persoal se siga solucionando cargando o traballo sobre os poucos traballadores que quedan na unidade. Correos ten que contratar e garantir o persoal necesario para prestar o servizo público que a cidadanía merece”, conclúen.
